Friday 19 de April de 2024

Benestar Social fará un estudo para coñecer a demanda real das escolas infantís


 

A concelleira Yoya Neira explicou, na súa visita ao centro dos Rosales, que aínda queda algunha praza para as e os bebés de 0 a 1 anos

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, visitou esta mañá a Escola Municipal dos Rosales no primeiro día de curso, no que comezaron as e os bebés de 0 a 1 anos. A edila explicou que nesta franxa de idade aínda quedan algunhas prazas por cubrir, pero para dous e tres anos están todas as vacantes cubertas.

En concreto, a oferta educativa actual é de 829 prazas. Desde a concellería, Neira explicou que farán un estudo para saber que escolas teñen maior demanda, ben sexa por barrios ou por zonas de traballo, coa finalidade de darlle resposta nos vindeiros anos.

Por iso, están recadando datos sobre o número de solicitudes completo e, en función das necesidades por proximidade de domicilio ou emprego, tratarán de aumentar a oferta educativa para nenas e nenos de 0 a 3 anos: “Hai que ter un mapa claro na cabeza dos lugares onde se precisan máis prazas para darlles cobertura nas existentes ou abordar outra escola infantil”.